Historia

Radio Piratona é unha radio libre que emite desde vigo, cunha longa história ás suas costas. un feixe de anos que deron cabida a mui diversas etapas, definidas estas por pequenos (e non tan pequenos) paróns, cámbios de local, de membr@s e de organización ideolóxica, pero sempre mantendo esa cualidade de rádio libre, meio de comunicación para as voces sen eco nos grandes meios do empresariado e a banca.


Comezos

Radio Piratona comeza a emitir o 8 de marzo de 1988 (Dia Internacional da Muller Traballadora), no 104.9 FM desde a escola de FP de Teis con un emisor de 15 W mono.

O 16 de marzo a radio recibe unha carta do Ministério de Transportes, Turismo e Comunicacións datada a 9 de marzo, e na que advirten de que no caso de non cesar de inmediato a emisión poderían sancionar á Radio Piratona con 10 millóns de multa e a incautación das equipas. O 8 de abril a Radio Piratona estrea un emisor de 80w estéreo.

O 13 de maio, o claustro da escola de FP de Teis resolve, por aplastante maioría, o peche da Radio Piratona.

O 17 de maio (Dia das Letras Galegas) Radio Piratona pasa á clandestinidade, tendo que comezar desde cero a buscar local e equipas. O 21 de maio Radio Piratona organiza o primeiro encontro das rádios libres galegas na casa da xuventude.

A primeiros de outubro Radio Piratona xunto co fanzine o coiote e o grupo de teatro Trepanocoqueiro forman a Asociación Cultural Talerapi. esta asociación leva a cabo unha intensa actividade cultural, como resposta a "movida de vigo" promovida polo goberno municipal.


Anos 90 e a travesía do deserto

Non sabemos a data en que piratona se instalou nun céntrico pub da cidade, nin canto tempo estivo emitindo desde alí. Si sabemos que marchou deste local a finais do 93. Para entón, xa non existian nen o fanzine nen o grupo de teatro, e o grupo de xente que comezara co proxecto renovarase case por completo.

Este novo grupo de xente decide trasladar a emisora a un centro social okupado, "A Ruela", sito no céntrico caleixón de Núñez, e desde onde nunca se chegou a emitir por impedimentos técnicos. Pero a radio segue a organizar actividades para recadar fondos, e traballa na sua organización interna.

Tras o desaloxo da ruela, finalmente a radio instalase mui pertiño da sua actual ubicación (e que non facemos pública por motivos de seguridade). En febreiro de 1996, Piratona comeza a emitir no 103.6 FM.

Desatase entón outra etapa de intensa actividade. Preto de 100 persoas pasan pola radio en apenas tres anos. Entre as actividades organizadas podemos destacar as xornadas "viver sen título", no verán do 1996, e a participación no desfile de comparsas organizado polo concello no Entroido do 1997 (gañamos un accésit e todo).

Tan só uns dias despois, a Radio Galega decide adxudicarse unha nova frecuéncia polo morro, que fixate que casualidade, era xustamente a nosa. Nengún problema, piratona estrea novo dial, o 107.7 FM por parte da administración, a actitude é kafkiana: ninguén sabe nada, ninguén contesta.

O 3 de novembro de 1998 o emisor sofre un infarto e deixa de funcionar, polo que a radio deixa de emitir. entre o 7 e o 21 de novembro rouban do local da radio un reprodutor de cd's, duas pletinas e unha mesa de misturas.

As sospeitas mais que fundadas de que o roubo foi levado a cabo desde dentro, fai que un grupo de xente, parte da cal estaba na radio e parte non, propoña unha clausura temporal e indefinida do proxecto. Este parón prolongaria-se até finais do 2001. Tres anos sen emisión nos que a rádio pasa polo que nós chamamos "a travesia do deserto": volta a recadar fondos, conseguir equipas, local, e unha mellor organización interna que asegure a viabilidade do proxecto sen traicionar os seus princípios.


Rexurdemento

Por fin, en agosto do 2001 comezan as obras no novo local de piratona, e a princípios de decembro unha nova etapa de emisión, con praticamente todas as equipas do trinque, incluido o emisor, o cabo e a antena, esta vez desde o 106.0 FM tamén vimos de recuperar a Asociación Cultural Talerapi.

Durante este tempo estiveron en antena algúns dos programas mais sobranceiros da Piratona, coma o programa musical Carpe diem, o programa de cultura punk Eskoria, o espazo de humor e retranca Libreta de trabalho #37413, o programa feminista Matriarkado ou o programa semanal de hip hop galego e internacional Moito de aquí.


Alg-a Lab

A finais de 2012 problemas económicos levan á Piratona a reubicarse no Alg-a Lab, centro social ubicado na parroquia de Valadares. Co traslado de todo o equipamento e a instalación dunha nova antena comeza unha nova etapa na Piratona. O traballo realizado durante este tempo deu os seus froitos, foi actualizado o sistema de automatización, dixitalizouse totalmente a xestión dos contidos e comezaron as emisóns regulares pola rede.

No 2015 o acordo entre a Piratona, o Alg-a Lab, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e a comunidade de montes de Valladares permitía a instalación dun novo transmisor estéreo de 1 kW no monte Cepudo, ampliando a cobertura e mellorando a calidade.


Centro veciñal e cultural de Valadares

No 2016 a Piratona contaba cun estudio ubicado no Alg-a Lab e outro estudio ubicado no Centro Veciñal e Cultural de Valladares, permanecendo ata a actualidade somente este último. Durante este período foron realizadas as primeiras retransmisións en directo desde exteriores, achegando á audiencia eventos coma a da baixada de carros de bolas do Freixo. No 2018 o transmisor foi equipado cun procesador estéreo mais un codificador RDS.

Agora, @s que somos estamos a pór toda a ilusión do mundo para que este pequeno recuncho de libre información e expresión que é a radio siga cara adiante.